domingo, 22 de decembro de 2013

Nadal 2013

No Nadal todo o centro estala en ledicia. O alumnado de infantil é dos que máis goza preparando os adornos, as árbores, os murais... para a festas do inverno. Aquí tedes algunhas mostras dos seus traballos...







Preme para ver a galería completa.

sábado, 21 de decembro de 2013

Campaña Gústame o galego de primeira

Estes días estase a desenvolver no centro a campaña Gústame o galego de primeira. O alumnado que participa no voluntariado apega cartaces como os que se mostran nas fotos nas escaleiras e corredores do colexio.









Premer aquí para ver a galería completa.

Certame Felicita en Galego

Durante o mes de decembro o alumnado de todas as etapas deseñou e realizou unha tarxeta postal para participar no certame Felicita o Nadal en galego. Nos corredores dos diferentes andares expuxéronse os resultados. En cada clase, un xurado escolleu as dúas mellores postais e aos seus autores entrgóuselles un agasallo no acto cos Reis Magos.

Aquí tedes unha mostra:









Accede á galería completa premendo aquí.

xoves, 12 de decembro de 2013

II Concurso de fotografía: A auga no país dos mil ríos

A ANPA e o ENDL do CEIP de PRÁCTICAS convocan o II CONCURSO EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA coas seguintes bases:
• Tema:"A auga no País dos mil ríos"
• Para toda a comunidade educativa (alumnado, nais/pais, profesorado, persoal non docente).
• Formato: foto con pé de imaxe en galego (versos, prosa, slogan) coladas sobre cartolina ou cartón pluma .
• Debe levar un título e figurar o nome do lugar. Todas levarán nome, apelidos e curso dou autor/a (No caso de nais e pais, debe aparecer igualmente o nome do/a neno/a e curso no que está).
• Membros do xurado: 1 membro da ANPA, 1 profesor-a do ENDL, 1 membro do Equipo Directivo do centro.
• Haberá agasallos para as 3 mellores.
• Entregar no colexio antes do 14 de marzo de 2013.
• Farase unha exposición coas fotografías presentadas.

martes, 19 de novembro de 2013

Verbas

Esta curtametraxe, gañadora dun premio ao mellor guión do II Concurso de Curtas Sociolóxicas da UDC, pretende alentar á dignificación, á defensa e á divulgación da nosa lingua.
Creada e dirixida por Andrea Maseda Prado





xoves, 14 de novembro de 2013

Magosto 2013

A semana antes fixemos murais co tema desta festa: O magosto -debuxos, coroas , ourizos , aprendemos a canción “Chegou Magosto” que nos gustou moito e di: “....outono aparece cantando suave e despacio, espértanme as pingas de auga que esbaran da noite, ...”






O venres día 8 de novembro celebramos o magosto, probamos as castañas que nos prepararon os da AMPA e salvamos algunhas castañas que prantamos para ir observando como nace unha árbore que logo cando sexa algo grande levaremos para á casa. Participamos en distintos xogos e divertímonos moito!









Visita a galería de fotos.

domingo, 3 de novembro de 2013

Samaín 2013

Polo Samaín fixemos cabazas e arañas. Murais con pantasmas, monstros...















E cantamos e bailamos coa cantiga O Samaín de Mamá Cabra que di:

“Hoxe celebramos o Samaín, que noutros sitios chaman Halloween....”





luns, 28 de outubro de 2013

Outono 2013

A chegada do outono propiciou a realización de actividades plásticas que reflicten as experiencias sensoriais que nos fai sentir esta estación do ano.





Os froitos tan saborosos...



venres, 25 de outubro de 2013

A ninfa Auria

A ninfa Auria é a nosa inspiración. Con ela, a nosa chave poderá abrir mil pechaduras.

100% CEF (Celso Emilio Ferreiro)

Longametraxe documental dirixido por Aser Álvarez no que Luís Tosar interpreta ao poeta de Celanova.

Ir ao documental

xoves, 9 de maio de 2013

xoves, 2 de maio de 2013

I Concurso de fotografía Arquitectura Popular Galega

O xurado formado por nais/pais e profesoras/es do CEIP Prácticas de Ourense decidiu outorgar os seguintes galardóns:

  • Primeiro Premio á famiia Novelle Cid

  • Segundo Premio a Iván e Lucas de 6ºB

  • Terceiro Premio a Diego González Saavedra de 3º B










Para ver a galería de fotografías completa, prema nesta ligazón.

luns, 29 de abril de 2013

Miña santiña, miña santasa - Rosalía de Castro

Vídeo realizado polo ENDL de Prácticas de Ourense sobre o poema Miña Santiña, miña santasa de Rosalía de Castro co gallo do concurso "Imaxina Cantares".





mércores, 24 de abril de 2013

Radio Roberto Vidal Bolaño

Programa de radio elaborado polo CEIP de Prácticas de Ourense sobre Roberto Vidal Bolaño. Inclúe un anaco dunha obra de teatro do autor...

[audio=http://www.edu.xunta.es/centros/ceippracticasourense/aulavirtual/file.php/2/Radio-VidalBolanho.mp3]

Biografía de Roberto Vidal Bolaño


O 31 de xullo de 1950, naceu Roberto Ignacio Vidal Bolaño, que co paso do tempo se convertería nun dos creadores do teatro profesional galego.


Realizou os seus primeiros estudos de primaria e bacharelato en Santiago e con doce anos comezou a traballar como repartidor de recambios de coche, emprego o que lle seguiron outros nunha axencia de viaxes, nun almacén de coloniais e nunha entidade bancaria, até que, con vinte e sete anos, pasou a traballar profesionalmente no teatro.


Fundou a primeira compañía profesional de teatro en galego, o Grupo Antroido, na que realizou todo tipo de funcións: empresario, director, actor, autor, electricista, pintor...


O longo da súa traxectoria artística escribiu perto das trinta obras teatrais, algunhas delas dedicadas ao público infantil.


Tamén realizou guións para as televisións galega e española, levando á pantalla relatos de escritores galegos como Fole ou Blanco Amor.


Participou como actor en longametraxes e series televisivas e como actor de dobraxe colaborou en máis de cincuenta películas.


Recibiu numerosos premios pola súa obra teatral: Premio Abrente, Premio Cunqueiro, Rafael Dieste, Eixo Atlántico, Tirso de Molina...


No ano 1991 creou e dirixiu a Compañía Teatro do Aquí, coa que seguiu representando as súas propias obras.


Roberto Vidal faleceu en Santiago no ano 2002.


Roberto Vidal Bolaño escribiu perto de trinta obras de teatro, entre elas estas:


-Laudamuco,Señor de Ningures


-Bailadela da morte ditosa


-Agasallo de Sombras


-Días sen gloria


-Saxo Tenor


-As actas escuras


-Touporroutou da Lúa e o Sol


-Doentes


-Rastros


-A burla do galo

luns, 11 de marzo de 2013

I Concurso-Exposición de fotografía

A ANPA e o ENDL do CEIP de PRÁCTICAS convocan o I CONCURSO- EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA coas seguintes bases:

Tema:"Arquitectura tradicional galega"




  • Para toda a comunidade educativa (alumnado, nais/pais, profesorado, persoal non docente)

  • Formato: foto con pé de imaxe en galego (versos, prosa, slogan) coladas sobre cartolina da cor que se prefira.

  • Debe figurar o nome do lugar de cada fotografía

  • Farase unha exposición coas fotografías presentadas

  • Haberá agasallos para as 3 mellores

  • Membros do xurado: 1 membro da directiva da ANPA, 1 profesor-a do ENDL, 1 membro do Equipo Directivo do centro, 1 pai/nai de profesión fotógrafo ou con coñecementos de fotografía.

  • Entregar no colexio antes do 15 de abril de 2013

  • Agradecemos a vosa participación.

  • Ourense, 5 de febreiro de 2013

xoves, 21 de febreiro de 2013

Día de Rosalía de Castro

fotorosaliaO 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía, aniversario do nacemento da grande escritora galega Rosalía de Castro. Como este ano coincide cun domingo, a celebración adiántase no CEIP Prácticas de Ourense ao venres 22 de febreiro.
Entre outras actividades que se realizarán en cada clase, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria preparou o recitado de poemas moi fermosos da autora, ademais dalgunha canción, e realizarán unha actuación nas clases de Educación Infantil e 1º Ciclo de Primaria. Así, o alumnado máis cativo do colexio poderá comprobar que os seus compañeiros e as súas compañeiras manteñen viva a chama do galego, que a obra da poetisa galega aínda está presente entre nós e que o galego segue a ser unha lingua axeitada para comunicarnos e para expresar os nosos sentimentos e emocións.

"Adiós ríos, adiós fontes" Música de Amancio Prada. Real Filharmonía de Galicia con Maximino Zumalave, director.





venres, 25 de xaneiro de 2013

Irmaus - Día Escolar da Paz 2013

O grupo Fuxan os ventos púxolle música ao poema Irmaus de Celso Emilio Ferreiro.
Aquí tedes a letra:

Camiñan o meu rente moitos homes,
non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí que te alcontras alá lonxe,
mais alá dos desertos e dos lagos,
mais alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Si é tua a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos soños son iguales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sexan distintas
e tí negro i eu branco,
e tendo semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común témo-la patria,
común a loita ambos,
a miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
Se sintes en probeza,
se sofres inxusticia,
se cheo de rabexa
encirras á cobiza
do teu peito o can,
pra tí chea de forza
vai miña mau, irmán.

A música está neste vídeo:





mércores, 16 de xaneiro de 2013

Maxicamente vello - O idioma é a chave

Roi Casal musica o poema de Manuel María A fala.

A idea expresada neste poema é para nós a enerxía que move a nosa chave...

O propio Roi Casal enviounos o seguinte texto:

Foto de Sue Rainbow
Roi Casal. Foto de Sue Rainbow

Toda a miña carreira artística, débolla ao país ao que pertenzo.  Nel, aprendín a falar para nomear con propiedade aos elementos. Tomei a súa música, para tentar pór o son axeitado a cada momento.  Asumín certas tradicións, para que o meu fillo as poida desfrutar nun futuro incerto. Aprendín, en definitiva, que só un pode sentirse realizado, se cree en si mesmoO meu país é pequeno, pero que as súas xentes téñeno espallado polo mundo enteiro. Un mundo que abro cada día, coa chave do idioma que levo dentro. Comparto con vós a miña música, que tomei dos nosos ancestros. Un tesouro  que por sempre, maxicamente vello, ha perdurar no tempo.

Roi Casal.






A FALA
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Manuel María