luns, 19 de febreiro de 2018

Recursos Día de Rosalía

Algúns recursos na rede sobre Rosalía de Castro:
 
  • Dous poemas recitados:
 
  • O Moucho

domingo, 18 de febreiro de 2018

Poema O Moucho - Rosalía de Castro

Poema 16 de Cantares Gallegos

Eu ben vin estar o moucho 
enriba daquel penedo: 
¡Non che teño medo, moucho, 
moucho, non che teño medo! 

Unha noite, noite negra,
como os pesares que eu teño,
noite filla das sombrisas
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,
hora en que xemen os ventos,
en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo pirmeiro,
arrincando verdes robres,
portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
tendido los brancos pelos,
contra quen os cans oubean
agoirando triste enterro;
cando relumbrar se miran
antre os toxales espesos,
cal encendidas candeas
ollos de lobo famento,
e os ramallaxes dos montes
antre sí murmuxan quedos,
e as follas secas que espallan
os aires da noite inquietos,
en remuíños se xuntan
con longo estremecemento;
indo camiño da Igrexa,
soia cos meus pensamentos,
cabo da fonte da Virxe,
pretiño do cimeterio,
dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.

Arrepuiñadas todas
as carnes se me puñeron,
e os cabelos no curuto
fóronse erguendo direitos;
gotas de sudor corrían
a fío polo meu peito,
e trembaba como tremban
as auguas cando fai vento,
na pía da fonte nova,
que sempre está revertendo.
Aquel moucho alí fincado,
cal si fose o mesmo demo,
fito a fito me miraba
cos seus ollos rapiñeiros,
que coidei que me roubaban
non máis que de lonxe velos.
De lume me paresían
e que me queimaron penso;
penso que eran tizós roxos
da fogueira dos infernos,
que polas niñas me entraron
hastra o corazón dereitos.
En el remorsos había
de amoriños pecadentos...
¡Ai, quen ten deses amores
non pode achar bon sosiego!
Chovía si Dios ten augua,
ventaba en tódolos ventos,
e ensarrapicada toda
a camiñar non me atrevo,
que o moucho, fita que fita,
me aspera naquel penedo.
Mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo,
résolle un Ave-María,
e cobrando novo alento,
como os páxaros do mare,
nadando paso o regueiro;
corro a enriba do valado,
brinco en baixo do portelo,
e dende alí berro estonces
con cantas forzas eu teño:
¡Non che teño medo, moucho, 
moucho, non che teño medo! 

Vídeo:

venres, 16 de febreiro de 2018

Somos Escola Amiga da Festa da Pita 2018

O pasado venres 26 de xaneiro, un membro da organización da Festa da Pita de Eiroás realizou unha amena presentación sobre a festa do Entroido, os diferentes entroidos da provincia e de Galicia e explicou polo miúdo a orixe e as tradicións que vivien en Eiroás co gallo da Festa da Pita.
Como escola amiga da festa, deixounos unhas olas para que o alumnado de sexto de Primaria as decore e poidan ser empregadas no xogo das olas do "Domingo Oleiro", que se celebrará o día 4 de febreiro; celebración á que estamos invitados.
O venres día 2 de xaneiro, ás 12h. recibiremos a visita das Pitas que virán recoller as olas e entregarnos o diploma de escola amiga da festa.
Aquí tedes algunhas fotos do proceso de decoración e o resultado final. Moitas máis fotos están nesta galería.